Wednesday 01 de May de 2024

O Grupo Socialista reclamará no próximo pleno unha ampliación do aparcadoiro de Altiboia


O seu portavoz, Gonzalo Muíños, propón a utilización da parcela anexa coa que se poderían duplicar o número de prazas superando as 200

“Con este aparcadoiro aténdese ás necesidades de aparcadoiro dos residentes de San Pedro e aos usuarios do conservatorio municipal” explica

O Grupo Socialista vén de rexistrar unha moción solicitando a ampliación do aparcadoiro de Altiboia. Unha actuación que, recordan, se acometeu durante o pasado mandato, e que supuxo o acondicionamento de 100 prazas de parking en superficie para dar servicio, sobre todo, aos residentes da Zona 3 de San Pedro.

Esta ampliación, explica Gonzalo Muíños, “permitiría, polo menos, duplicar o número de prazas actuais superando as duascentas” para dar servizo non só a residentes, senón tamén, por exemplo, aos usuarios do Conservatorio Municipal de Música.

Un total de 7.393 metros cadrados de aparcadoiro resultarían logo deste incremento na superficie con unha parcela que, recordan, é xa de titularidade municipal, “polo que o desembolso que tería que facer o Concello é só para a súa urbanización” cun custo que podería rondar os 200.000 euros, ao igual que a anterior intervención.